Parole, parole

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

12 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres lía parte do discurso do señor Rueda, como candidato a presidente da Xunta de Galicia, escoitaba de fondo cantar a Mina e Alberto Lupo esa canción titulada Parole, parole, da que quero destacar estes versos: «O tempo dos soños acabou, / os recordos tamén se esvaecen cando esquecemos. / Es como ese vento que fai cantar os violíns. / Eu xa non quero máis lambetadas». Letra que, deixando de lado o latente romanticismo, pódese aplicar de forma xeneralizada na política comparada. (Non só me refiro a este citado político que acaba de ser referendado nas urnas pola maioría dos votantes galegos). A cuestión é que mires onde mires sempre encontras unha fochanca de incerteza aberta onde promesas e cabazas van de ganchete. É dicir, as palabras xa non significan o que parecía segundo o dicionario da RAG. Cada unha delas ten múltiples interpretacións, contextos diversos que deixan no aire intencionalidades pouco explícitas, equidistancias ideolóxicas e procesos temporais difíciles de cuantificar.

Se comparamos, por exemplo, as principais inquedanzas e proxectos dos deputados electos de Carballo nas pasadas eleccións autonómicas, Rubén Lorenzo (PP), Daniel Pérez (BNG) e Patricia Iglesias (PSdeG), expresadas neste medio de comunicación, podemos ver que relativamente coinciden en esencia. A saber: circunvalación, polígono industrial e ambulatorio, entre outras urxencias de tipo social. Aquí é onde xorden as desconfianzas. Se todos queren o mesmo, por que non se poñen de acordo en prazos, orzamento, viabilidade e prioridade? Ben, sinceramente, enténdase con ironía que a culpa téñena Sócrates e os sofistas por empeñarse en manter esa contradición eterna entre as verdades absolutas e os depende de...