Antropofaxia

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Xoán A. Soler

01 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os partidos políticos parécense tanto a Saturno que incluso, ás veces, son capaces de devorarse a si mesmos. Os exemplos máis recentes son Cs ou Podemos que, dende grandes expectativas de éxito e ansiedade de poder, acabaron convertidos en residuos de referencia para proxectos políticos con vocación de fracaso. Ocorre que, sexa por excesos de ego ou defectos de conmiseración, son os propios líderes fundadores os que recuperan esa ancestral costume da antropofaxia. Tan de actualidade grazas á última película de J. A. Bayona, La sociedad de la nieve. Tamén é certo que en moitos casos é a propia organización, defraudada e desencantada, a que expulsa do ceo estrelado, sen contemplación algunha, a eses anxos brancos que, mudando de cor, caen espatelados na lameira do esquecemento. En Galicia temos dous exemplos que podemos confrontar. O BNG que, despois do abandono traumático do carismático líder fundador X. M. Beiras, aposta e confía con éxito nun proxecto a medio e longo prazo, serio e cheo de ilusión, que representa Ana Pontón apoiada por un amplo grupo de militantes preparados e comprometidos. E, por outro lado, o PSdeG, que cambia de cartel cada catro anos por culpa das liortas, fratricidas e territoriais, que provocan egos localistas con pouca vocación colectiva e que defenden un sistema político arcaico como o que representaban os Reinos de Taifas na Idade Media. Non é novo, cando non tocas poder as discrepancias son cruentas. Opositar é moi sacrificado.

Sen embargo, cando gobernas, como no caso do PP de Galicia, conflúen intereses que funcionan como unha argamasa milagreira. De aí que Feijoo collese tanto brío ultimamente, xa que pasou de candidato a ser papado a postularse coma o comensal maior do Reino de España.